Historia do capitalismo

Fernand Braudel sitúa as orixes do capitalismo na Idade Media, nalgunhas pequenas cidades comerciantes.

O tema da historia do capitalismo, na súa orixe, foi fonte de grandes debates sociolóxicos, económicos e históricos desde o século XIX. Tanto os mercadores coma o comercio existen desde que existe a civilización, pero o capitalismo como sistema económico, en teoría, non apareceu ata o século XVI en Inglaterra substituíndo ao feudalismo. Segundo Adam Smith, os seres humanos sempre tiveron unha forte tendencia a "realizar trocos, cambios e intercambios dunhas cousas por outras". Desta forma ao capitalismo, do mesmo xeito que ao sistema de prezos e a economía de mercado, preténdeselle atrubuír unha orixe espontánea ou natural dentro da idade moderna.[1]

Este impulso natural cara ao comercio e o intercambio foi acentuado e fomentado polas Cruzadas que se organizaron en Europa occidental desde o século XI ata o século XIII. As grandes travesías e expedicións dos séculos XV e XVI reforzaron estas tendencias e fomentaron o comercio, sobre todo tras o descubrimento do Novo Mundo e a entrada en Europa de inxentes cantidades de metais preciosos provenientes daquelas terras. A orde económica resultante destes acontecementos foi un sistema no que predominaba o comercial ou mercantil, é dicir, cuxo obxectivo principal consistía en intercambiar bens e non en producilos. A importancia da produción non se fixo patente ata a Revolución industrial que tivo lugar no século XIX.

Con todo, xa antes do inicio da industrialización aparecera unha das figuras máis características do capitalismo, o empresario, que é, segundo Schumpeter, o individuo que asume riscos económicos non persoais. Un elemento chave do capitalismo é a iniciación dunha actividade co fin de obter beneficios no futuro; posto que este é descoñecido, tanto a posibilidade de obter ganancias como o risco de incorrer en perdas son dous resultados posibles, polo que o papel do empresario consiste en asumir o risco de ter perdas ou ganancias.

O camiño cara ao capitalismo a partir do século XIII foi achandado grazas á filosofía do Renacemento e da Reforma protestante. Estes movementos cambiaron de forma drástica a sociedade, facilitando a aparición dos modernos Estados nacionais (e posteriormente o Estado de dereito como sistema político e o liberalismo clásico como ideoloxía) que proporcionaron as condicións necesarias para o crecemento e desenvolvemento do capitalismo nas nacións europeas. Este crecemento foi posible grazas á acumulación do excedente económico que xeraba o empresario privado e á reinversión deste excedente para xerar maior crecemento económico, o cal xerou industrialización nas rexións do norte.

  1. Refundar o capitalismo: Unha misión imposible[Ligazón morta] (orixe e actualidade do capitalismo), por Guillermo Hirschfeld

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search